Maxia cómica esta tarde con Mundo Mandarina

img_show_abuelo2-750x500

A Semana Cultural do Concello de Oroso traeranos esta tarde maxia cómica a cargo da compañía Mundo Mandarina. Xa non é a primeira vez que nos visita esta artista, que de novo divertirá a pequenos e maiores nesta ocasión co espectáculo O meu avó é mago. A función terá lugar ás sete e media da tarde no exterior da piscina municipal salvo que choiva, nese caso será no Centro Cultural.

Laura Muñoz aborda neste espectáculo a maneira de abordar a perda dun ser querido. A través do humor e da maxia, aposta por enfrontar o feito da morte non de xeito traumático, senón como unha transformación.

Na xornada de mañá da Semana Cultural agárdannos inchables na sesión matinal e pola tarde, festa de espuma, dirixida a maiores de 4 anos. Esta xornada a entrada na piscina será gratuíta.

 

Anuncios
Publicado en Sin categoría | Etiquetado | Deja un comentario

Xincana lingüística e monicreques, hoxe na Semana Cultural

A Semana Cultural do Concello de Oroso inclúe hoxe, martes 23, dúas actividades moi divertidas. Agora pola mañá, a partir das once e media, desenvolverase unha xincana lingüística no exterior da piscina municipal. Este xogo está dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, e require de inscrición previa (podes facela no Centro Cultural).

Pola tarde toda a familia pode gozar dun bo rato coa actuación da compañía de monicreques Mircromina, que representarán a obra Vacacións no mar, ás sete e media da tarde. Será tamén no exterior da piscina. Podes ver o tráiler desta representación no vídeo que acompaña esta información.

Se queres consultar a abondosa e variada programación que terá a Semana Cultural de 2016, consulta a web do Concello de Oroso aquí.

 

Publicado en Concello de Oroso | Etiquetado | Deja un comentario

Apuntamentos á nova Lei do Solo

Vicep Executivo - Revista Abril 2016

Cando se lle deu luz verde á LOUGA (Lei de Ordenación Urbana e Protección do Medio Rural de Galicia) en decembro de 2002, nin os seus cálculos máis pesimistas facían pensar que a súa adaptación ía ser tan escasa: os 83 PXOM aprobados desde entón e axeitados a esta lei é un pobre resultado no tempo. De feito, a día de hoxe, pouco máis dun cuarto dos municipios galegos teñen o seu plan adaptado á LOUGA.

Que quere dicir isto? Que o esforzo que supón a execución dun Plan Xeral, desde o seu comezo ata a súa aprobación definitiva, é moi grande e presenta un camiño moi longo. Implica moitos organismos e require un claro convencemento do goberno municipal de que elaboralo servirá de directriz para o desenvolvemento do municipio nun prazo superior a 10 anos, dotando a todas as actuacións no territorio de seguridade xurídica.

A lei aprobada no Parlamento Galego o pasado 9 de febreiro implica algunhas liñas de actuación que poden aliviar este esforzo titánico. No caso dos municipios máis pequenos, a creación dunha figura nova chamada Plan Básico Autonómico, pretende paliar a escaseza de medios técnicos e xurídicos e acurtar os tempos de redacción.

En canto aos municipios cunha poboación superior e maior complexidade urbanística, esta nova Lei modifica a tramitación dos PXOM, tentando que os prazos de execución se reduzan. A consellería competente recompilará toda a documentación inicial e tamén emitirá os informes sectoriais necesarios para a tramitación, nun prazo máximo de 3 meses. Ademais, os concellos con máis de 50.000 habitantes terán competencia para aprobar definitivamente o seu plan xeral, limitándose a intervención autonómica á emisión de informes preceptivos e vinculantes.

Respecto da clasificación do solo, defínese o chan urbano non consolidado respecto da lexislación estatal, elimínase a condición de distancia máxima en núcleos tradicionais, simplifícanse as condicións excesivamente regradas referidas a condicións volumétricas e clarifícanse as obrigas de cesión. Aínda que a implicación das administracións sectoriais será máis directa, segue sendo o redactor quen reúne toda a información e coordina as necesidades e obrigacións do territorio e dos seus habitantes.

En canto á controvertida situación dos edificios que se atopen fóra de ordenación, introdúcese unha nova definición da mesma na que se fala da incompatibilidade co plan (por exemplo, en caso de resultar afectados por sistemas de titularidade pública: viarios, zonas verdes, equipamentos). Isto quere dicir que moitas das edificacións que hoxe se consideran fóra de ordenación por infrinxir algún parámetro urbanístico (voos, altura, ocupación) seguirán sen estar acordes ao plan, pero non se considerarán fóra de ordenación pola non incompatibilidade co desenvolvemento do mesmo. Isto, aínda que urbanisticamente non ten moita repercusión, si a terá a outros efectos, por exemplo na aplicación da lexislación hipotecaria, e na valoración das propias edificacións.

Cos seus puntos mellorables, a nova lei simplifica e axiliza a elaboración dos PXOM, que son a ferramenta que todos os concellos precisan: o PXOM é para un Concello o que a Carta Magna é para un Estado. Conclúo con outra reflexión:, tanto durante a tramitación da lei como desde a súa aprobación, escoito a miúdo que agora os propietarios das vivendas inacabadas polo exterior van ser sancionados. Non deixa de sorprenderme tal afirmación xa que, isto mesmo, estaba xa na anterior lei.

Manuel Mirás

Vicepresidente executivo da Fegamp e alcalde de Oroso

Publicado en Concello de Oroso, Sin categoría, Socialistas de Oroso | Etiquetado , | Deja un comentario

A arte e a música abrirán a XX Festa da Troita de Oroso

13055022_1001046699983174_8558159226191462806_o

Arte e música serán as protagonistas da primeira xornada da XX Festa da Troita do Concello de Oroso. Mañá, venres día 6 de maio, arrincará esta emblemática festa orosá, declarada de Festa de Interese Turístico. Pola tarde abrirase a exposición da Asociación de Amizade e das Artes Galego Portuguesa, e pola noite teremos xa a primeira verbena da fin de semana, a cargo das orquestras Cinema e París de Noia.

A xornada de mañá será soamente para abrir boca, dada a ampla e variada programación de actividades lúdico-culturais e deportivas que se desenvolverán durante o sábado e o domingo. Podes ver toda a información sobre esta vixésima edición da Festa da Troita aquí. Non a perdas!

Publicado en Concello de Oroso, Sin categoría | Etiquetado | 1 Comentario

Esta tarde, festa de disfraces no Centro Cultural

maxresdefault copy

Non esquezas que aínda quedan varias actividades no Programa de Entroido do Concello de Oroso. Hoxe e o mércores terán lugar os obradoiros reposteiros para nenos e nenas que gocen da cociña (para os que se require inscrición previa). Pero ademais esta tarde, ás sete, o Centro Cultural acollerá a festa de disfraces que lles encanta aos pequenos e pequenas da familia. Con discomóbil, pinchadiscos, fume e pombas de xabón. Un espectáculo! Tes toda a información sobre o Programa de Entroido aquí.

Publicado en Concello de Oroso, Sin categoría | Etiquetado | Deja un comentario