Manuel Mirás propón un consello provincial de alcaldes e foros comarcais para cargos e militantes do partido

211014-Presentacion-precandidatura-web

O Alcalde de Oroso e responsable de Traballo Autónomo da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG, Manuel Mirás Franqueira, presentou esta mañá as liñas de traballo coas que se presenta como precandidato para a Secretaría Xeral da Agrupación Provincial. Entre as propostas concretas que adiantou, figura a creación dun Consello Provincial de Alcaldes, con reunións trimestrais, así como a creación de consellos comarcais de cargos do partido e asembleas comarcais de militantes. O obxectivo, dixo, é “facer un partido máis unido, máis cohesionado, e onde cada militante poida sentirse útil”.

De feito, salientou a necesidade de traballar coas agrupacións socialistas dos concellos máis pequenos, “que en termos xerais é onde o Partido Socialista ten máis dificultades de conexión coa sociedade”. “Os cidadáns esperan por unha alternativa de esquerdas en cada un dos seus concellos, nós temos que ser capaces de ofrecerlla, e para iso temos que ser capaces de fortalecer a nosa presenza nos 93 concellos da provincia”, explicou.

Mirás manifestou a súa confianza en poder aportar o seu “coñecemento do partido” e a súa experiencia de traballo cos veciños e veciñas no proceso de fortalecemento do PSdeG na provincia. Neste sentido, fixo fincapé no seu compromiso coa veciñanza de Oroso: “Todo isto sen esquecer as miñas obrigas como Alcalde de Oroso, municipio e veciños e veciñas aos que me debo, e polos que seguirei traballando co mesmo entusiasmo que ata o de agora, co convencemento de que o reforzo do partido na provincia repercutirá por suposto no beneficio de Oroso e dos seus veciños”.

O rexedor orosán expresou o seu desexo de que “a nova Executiva Provincial e o seu Secretario Xeral estean máis cerca da militancia e dos problemas do día a día dos veciños e veciñas”. “Queremos sobre todo converternos nos seus oídos para chegar a ser a súa voz”, afirmou.

Proximidade e unidade

A proximidade e a unidade son, a xuízo de Manuel Mirás, as claves para a reconstrución do partido provincial. “A boa política debe ser de proximidade e de relación directa coa cidadanía, senón non é nin boa nin política”, dixo. De recibir o respaldo da militancia, explicou, fomentará o traballo conxunto das agrupacións locais e a dirección provincial, “para que a proximidade permita un bo diagnóstico das necesidades e dos problemas que temos que resolver”.

Mirás aclarou que o PSdeG é un partido “onde se debate, onde se discrepa e onde se fala con liberdade, sempre dende o respecto e traballando todos unidos”. “Os cidadáns están esperando por un PSdeG que sexa visible como alternativa ao PP no conxunto de concellos da provincia da Coruña, e isto seremos capaces de ofrecerllo se nos presentamos coma un partido forte e cohesionado”, argumentou.

Propostas concretas

O precandidato á Secretaría Xeral enumerou propostas concretas do traballo que pensa abordar na provincia. En primeiro lugar, indicou, o reforzamento das agrupacións locais. Para conseguir este obxectivo propón un traballo en tres niveis: facer unha análise da problemática local de cada municipio, da man da agrupación local correspondente; desenvolver un proxecto con cada agrupación que fomente a comunicación cos veciños e veciñas; e a difusión local do proxecto socialista “para a provincia, para Galicia e para España”. “O obxectivo é desenvolver unha política provincial identificable e con rasgos comúns”, explicou.

A comunicación entre cargos públicos, a militancia e simpatizantes do partido é a segunda gran liña de traballo proposta por Mirás. Aquí enmarca a constitución dun Consello Provincial de Alcaldes, con reunións trimestrais, así como a constitución de consellos comarcais de alcaldes, portavoces municipais, deputados provinciais, autonómicos, deputados no Congreso e senadores. Asemade, engadiu, constituirá asembleas comarcais abertas a militantes e simpatizantes inscritos nas distintas agrupacións locais.

A terceira liña de traballo, indicou, é o “fortalecemento da Área de Política Municipal”. Neste punto avogou pola “creación dunha Secretaría de Cidades de máis de 40.000 habitantes, xa que estas agrupacións teñen unha problemática distinta ás demais”. Defendeu ademais a necesidade de facilitar asesoramento no eido local a todos os representantes públicos, para unha mellor difusión da súa actividade política de cara á cidadanía.

Mirás considerou “imprescindible” facer política “escoitando e atendendo as demandas da cidadanía, xa que é o único xeito de poder dar respostas desde as institucións”.

“O partido socialista na provincia de A Coruña fomos maioría e podemos e debemos volver a selo, sendo un referente para todos os cidadáns e cidadás”, concluíu.

Esta entrada fue publicada en Primarias provincia da Coruña y etiquetada , . Guarda el enlace permanente.

Queres comentar algo?

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s