Mirás quere impoñer un código de boas prácticas para ser “máis transparentes e máis éticos”

As-Pontes-1

O precandidato ás primarias da Secretaría Provincial coruñesa Manuel Mirás anunciou a súa intención de “impoñer un código de boas prácticas” coa finalidade de que “non nos vexamos envoltos en cousas desagradables”. Fixo estas declaracións onte pola noite, na presentación na Agrupación Local de As Pontes das súas propostas para lograr o reforzo do partido na provincia. 

O rexedor orosán argumentou que “os socialistas somos diferentes”. “Temos que ser máis transparentes e máis éticos, traballar de forma diferente coas persoas, porque ao PP todo lle vale”. Recordou que os escándalos de corrupción non pasan factura da mesma maneira aos dous partidos: “Non é o mesmo que nós metamos a pata a que a meta o PP, fixádevos que co Gürtel non pasa nada”.

Pero o código de boas prácticas que Mirás ten pensado vai máis aló da xestión dos cargos públicos do partido. Avogou por un código de boas prácticas que inculque “compañeirismo” no partido. “Por exemplo, hai que entender o que é unha imputación. Isto non quere dicir que o imputado sexa culpable, e polo tanto unha imputación non é para masacrar a unha persoa ou un compañeiro”, explicou.

“Temos que ter unha cultura de compañeirismo diferente”, dixo. Fixo fincapé en que “os rivais son o PP, o Bloque, Esquerda Unida ou outros partidos que agora se están constituíndo. Temos que saber como enfrontarnos a eles e como tratalos para que non teñan cabida na provincia, cando menos que non medren nas localidades pequenas”.

“Hai que crear unha cultura de que nas agrupacións ten que haber debate, e alí remata. Unha vez fóra, nós somos socialistas”, recalcou. “No código de boas prácticas teñen que estar todas estas cousas”, dixo.

Asesoramento integral político e xurídico

Para o reforzo das agrupacións locais Manuel Mirás propón facilitarlles “asesoramento integral, político e xurídico”. Político, explicou, “para que os militantes coñezan cal é o funcionamento do partido, como se chaman os cargos do seu partido”. Asemade, manifestou a necesidade de que os novos cargos electos reciban formación sobre a actividade de concelleiro. “Para facer ben esta labor fai falta un tempo de aprendizaxe e darlle á persoa un mínimo de preparación”, defendeu Mirás, quen puntualizou que isto é necesario con independencia dos estudos que posúa a persoa no cargo.

Respecto do asesoramento xurídico, o candidato de Oroso indicou que é necesario que sexa “unificado, polo menos por comarcas”. “O concelleiro equis vai a un avogado que é amigo deles, pero que resulta que é do PP. Ao mellor a un alcalde do PP estao defendendo unha persoa que traballou previamente con nós”, explicou. Non obstante, Mirás aclarou estar en contra de xudicializar a política local: “Se un alcalde cobra por unha estrada que non asfaltou, hai que denuncialo, pero non denunciar por denunciar”.

Comunicación directa e proximidade

Ante un auditorio integrado por militantes de As Pontes e A Capela, Mirás incidiu na necesidade de manter reunións periódicas entre os cargos públicos e orgánicos do partido, para ter unha voz única ao respecto de temas de índole provincial ou comarcal. Esta vía de traballo ha de conducir ademais a que os deputados no Parlamento de Galicia e no Congreso trasladen as propostas que as agrupacións locais demanden.

“Quero facer dende a Secretaría Xeral Provincial unha política de proximidade coas agrupacións, para que estas á súa vez a trasladen aos veciños. Quero coller modelos como As Pontes ou A Capela, onde levamos gobernando moitos anos”, explicou.

Manuel Mirás mantivo esta xuntanza en As Pontes no marco da súa programación de visitas ás agrupacións locais para explicar o seu proxecto provincial. Esta axenda arrincou o vernes pola noite en Ordes e fixo parada onte pola mañá en Frades. Hoxe, domingo 26, Mirás ten unha reunión ás 11:00 coa militancia de O Pino, tamén na Agrupación Local desta localidade.

Esta entrada fue publicada en Primarias provincia da Coruña y etiquetada , . Guarda el enlace permanente.

Queres comentar algo?

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s