Pídoche que me deas a túa confianza co teu voto

peticionvoto-web

Como seguro que xa sabes, preséntome como candidato á Secretaría Provincial da Coruña e diríxome a ti para pedirche o teu apoio o vindeiro domingo, 30 de novembro, nas eleccións primarias nas que as e os militantes faremos a nosa elección.

Quero aproveitar esta carta para explicarche as miñas propostas para mellorar o funcionamento do partido na nosa provincia. Necesitamos devolverlle a ilusión á militancia, e para iso precísase proximidade no traballo diario, honestidade nos comportamentos dos dirixentes e cargos públicos do partido, e o fortalecemento do traballo das agrupacións locais do partido. 

Quero cambiar a forma na que se ten traballado ata o de agora na provincia, e estas son algunhas das propostas de renovación e cambio que presento para facer posible un mellor funcionamento do partido:

Proximidade

Comprométome a manter un contacto permanente coas agrupacións locais, que precisan de axuda e asesoramento político. A nosa premisa de traballo debe ser a proximidade: proximidade da Agrupación Provincial coas agrupacións locais, e proximidade das agrupacións coa veciñanza. Escoitar e atender os problemas existentes será o primeiro paso para poder buscar solucións e facer do partido unha ferramenta útil para os veciños e veciñas en cada concello da provincia.

Banco de Boas Prácticas Municipal

Estableceremos un Banco de Boas Prácticas a nivel municipal, para aproveitar os mellores exemplos da xestión de gobernos municipais socialistas que poidan servir como base para os programas electorais e as propostas municipais de cada agrupación local. A solidariedade debe empezar por nós mesmos, aprendendo do traballo doutros compañeiros e compañeiras que están na vida municipal.

Mellorar a comunicación é fundamental

Aposto por profesionalizar o noso traballo de comunicación e relación cos medios, por medio dun gabinete de prensa provincial que estea a disposición das agrupacións locais para axudarlles na súa tarefa diaria. Tamén entendo que é fundamental mellorar a nosa presenza en internet. Debemos potenciar a nosa posición nas redes sociais para comunicar, para difundir a nosa xestión e para convocar os nosos actos (nunca para criticar a compañeiros).

Asesoramento xurídico e urbanístico

Considero imprescindible que a agrupación provincial dispoña dun gabinete para o asesoramento xurídico e urbanístico, para adoptar un criterio en asuntos de interese común, e fundamentalmente para asesorar ás agrupacións locais en cada problema que teñan.

Cargos públicos e orgánicos a disposición do partido

Traballarei para que os cargos públicos e orgánicos do partido, así como os liberados, estean todos os días do ano a disposición das agrupacións locais, para axudalas no que faga falta na súa actividade política.

Formación

Unha das prioridades do meu programa para mellorar o funcionamento do partido é a formación. Así, propoño facer unha formación intensiva para os novos concelleiros e concelleiras que tomen posesión en 2015, tanto se se trata de compañeiros/as aos que lles toque estar na oposición coma gobernando.

Directorio profesional da militancia

Para mellorar o asesoramento e a formación propoño que elaboremos un directorio profesional da militancia do partido na provincia, para coñecer que profesionais por áreas de coñecemento temos en cada comarca, porque son persoas ás que podemos chamar para asesorarnos ou informarnos de moitos temas que nos interesan e así poder facer mellor o noso labor político, tanto dende a oposición como desde o goberno.

Fortalecemento das comarcas

Unha das cousas que me parece clave para rexenerar o partido na provincia é o fortalecemento das comarcas. Para reforzar as comarcas propoño a constitución de asembleas comarcais abertas, como plataforma de traballo idónea para pór en valor as inquietudes da militancia, simpatizantes, cargos orgánicos e cargos públicos. O obxectivo é poñer cousas en común e saír cunha mesma voz.

Estas son algunhas das propostas que presento. No meu proxecto son importantes e necesarios todos e todas as militantes, sen exclusións. Precisamos unir o partido, fortalecelo e renovalo, pero loxicamente isto só o podo facer se conto coa túa confianza e me das o teu apoio e o teu voto. Para contar con máis ideas, e para facer máis partido.

Esta entrada fue publicada en Primarias provincia da Coruña. Guarda el enlace permanente.

Queres comentar algo?

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s